O chamado na actualidade Camiño de Inverno é unha ruta alternativa do Camiño francés, que os peregrinos usaron xa na Idade Media para evitar a neve dos portos dos Ancares, nos meses máis duros do inverno, e as enchentes de ríos que cumpría vadear- coma o Valcarce- na tempada de desxeo.
Na actualidade converteuse nunha alternativa cada vez máis utilizada por aqueles que buscan fuxir da masificación das infraestruturas do Camiño francés.
O Camiño de Inverno segue a entrada natural a Galicia desde a Meseta, pola val do Sil. A segunda etapa desta ruta contaría con case 30 km, entre a localidade cabreiresa de Puente de Domingo Flórez e a vila da Rúa, atravesando toda a comarca de Valdeorras pola marxe dereita do río Sil.
HISTORIA
Esta ruta do Sil está documentada desde a Idade Media nos arquivos do bispado de Astorga. De feito, un peregrino italiano referíase a esta ruta, en 1717, coma il Cammino dritto di San Giacomo -o camiño directo de Santiago- o que dá proba da súa utilidade. É evidente que aqueles peregrinos que chegaban a Ponferrada en pleno inverno, preguntarían sobre o estado da ruta e gran parte deles optaría por atravesar o val do Sil, onde a neve non ía dificultar o traxecto e quedaban tramos de vías romanas en servizo e pontes para cruzar o río.
Aínda que a distribución sempre pode variar e hai xente que o fai en dúas partes (Carucedo- Sobradelo e Sobradelo- A Rúa), o plan máis común comeza a segunda etapa deste camiño na localidade fronteiriza de Puente de Domingo Flórez e cruza o río case de inmediato para continuar pola marxe dereita do Sil, moito máis soalleira e ceibe das entulleiras que a industria da lousa foi acumulando á beira da estreita e transitada OU-536. En Quereño, os peregrinos poden escoller unha variante máis longa da etapa, que os levaría polas impresionantes vistas e paisaxes mediterráneos do parque natural da Serra da Enciña da Lastra ata a localidade de Rubiá e desde alí ata O Barco.
Nesta zona a val do Sil alterna encoros con tramos encaixados entre as rochas e contan con tres pontes antes de chegar ao Barco: en primeiro lugar, obsérvanse os restos dunha ponte romana que, orixinalmente, combinaba pedra e madeira coñecida coma A Pontóriga ou Os Pontóns e, deseguido, en Sobradelo, podemos admirar A Ponte Nova, unha ponte de sete arcos erguida no século XVII, no que un dos arcos foi renovado trala voadura sufrida durante a Guerra da Independencia. Finalmente, a ponte de Éntoma é unha obra do século XVII que salva o fermoso río Galir.
A localidade do Barco de Valdeorras e a cabeceira comarcal e principal centro de servizos. No seu pintoresco casco vello, á beira do Sil, conta con varias casas fidalgas ademais de pazos por toda a contorna coma a casa grande de Viloira, a casa do río Cigüeño e o pazo do Castro, que funciona coma hotel monumento. Esta érguese sobre un antigo castro dos astures e nas súas proximidades pódese visitar a torre do Castro, resto dunha fortaleza medieval que vixiaba a entrada a Galicia. A uns quilómetros do centro urbano, na zona do albergue de peregrinos de Xagoaza, pode verse o conxunto arquitectónico conformado pola igrexa de San Miguel de Xagoaza, e a casa fidalga coñecida como “Mosteiro de Xagoaza”.
Despois do Barco atravésase a localidade de Vilamartín onde teñen albergue municipal na zona do Bañadoiro. Este concello é coñecido pola Ruta das Covas de Vilamartín, actividade festiva que congrega a milleiros de persoas o primeiro sábado de agosto, para percorrer as adegas subterráneas desta localidade, gozando dos viños locais e a festa.
Finalmente, chega o viaxeiro á Rúa, vencellada á elaboración do viño, na que se poden visitar -coma no resto da comarca- algunhas das adegas que conforman a DO de Valdeorras. Ademais, na parte máis antiga da localidade -A Rúa Vella- poden visitarse a igrexa de San Estevo, exemplo do barroco asturicense, e a lápida de Pompeio Reburro, un cenotafio que conmemora a carreira militar dun pretoriano da Roma imperial de orixe gigurro. Para dar un paseo non esquencer a paraxe fluvial das Pinguelas onde se combina natureza e covas. Outra proba do sobranceiro pasado romano destas terras e a ponte da Cigarrosa, ponte erguida a finais da Idade Media sobre os restos dunha obra romana; nunha das súas entradas foi colocado un miliario da Vía XVIII ou Vía Nova, calzada que comunicaba Braga e Astorga.