Esta zona de Rubiá foi declarada parque natural no ano 2002 e forma parte dos seis parques protexidos galegos. Presenta unha serie de peculiaridades polo clima atlántico continentalizado da comarca de Valdeorras o que o fai ter flora de tipo mediterráneo. As aciñeiras, sobreiras, rebolos e ata unha planta endémica son as raíñas deste parque. Ademais, é o único en Galicia no que se poden ver ata 27 especies diferentes de orquídeas.
Tamén é particular polas “palas”, nome que se lle da ás cavidades baixo terra nesta comarca, e que son o paraíso dos espeleólogos e dos morcegos. O parque conta cun centro de recepción de visitantes na localidade de Biobra e numerosas rutas para camiñar.
HISTORIA
En Valdeorras a natureza ten os seus caprichos e o parque da Lastra é o exemplo perfecto. Situado no límite coa comarca berciana foi declarado parque natural no ano 2002. Conta solo con protección na zona galega, no Concello de Rubiá, xa que esta superficie con peculiaridades continúa polo territorio berciano. Nas 3.152 hectáreas protexidas podemos ver peculiaridades no seu chan, flora e fauna marcados principalmente polo microclima de Valdeorras con características mediterráneas.
O nome provén dunha vella historia que conta que nesa zona había unha aciñeira de grandes dimensións e que servía de guía aos viaxeiros. Non se sabe con certeza si é solo unha lenda, pero unha aciñeira coma esa pódese ver próxima ao cemiterio do pobo de Covas, xusto a primeira poboación cando se entra a Galicia dende o Bierzo. De feito, esa árbore conta con recoñecemento como Árbore Singular de Galicia.
O parque ten un centro de recepción de visitantes na localidade de Biobra onde coñecer con detalle as numerosas rutas que hai polo seu interior. Tamén serve para ter unha primeira aproximación a súa fauna e flora nunha aula na que explican todas as peculiaridades. O parque ten zonas protexidas ás que non é posible acceder. As rutas están marcadas e pódense descargar os camiños na web do parque.
Peculiaridades deste parque:
– Chan: A pedra caliza é maioría nestes solos e a súa facilidade para disolverse coa auga leva a formación dunhas 200 simas e cavidades rexistradas. Aquí chamadas “palas”, «cova» en linguas prerromanas. A Pala da Zorra, con 600 metros, é a máis longa das rexistradas. Pala Cumbeira, Pala Pereda, Pala Cubelas… converten este parque en lugar de peregrinación de espeleólogos. Nestas grutas, cheas de estalactitas e estalagmitas, habitan unha das maiores colonias de morcegos de España.
-Flora: aciñeira, sobreira, rebolo, xara, tomiño silvestre, oliveiras, castiñeiros; e ata 27 especies orquídeas fan deste parque un lugar único en Galicia. Ademais conta cunha planta endémica única: petrocoptis grandiflora.
-Fauna: O parque é un refuxio ornitolóxico. Entre eles destacan os morcegos, a aguia real, os falcóns, e ata unha parella de alimoche común.
Entre os lugares especiais desta paraxe para visitar e gozalos están os penedos de Oulego, os farallóns no estreito de Covas e a Pena Falcoeira, así como toda a contorna do encoro Peñarrubia, o barranco Val do Inferno, e os restos do trazado da Vía Nova romana na zona de Robledo. Sen esquecer toda a rede de miradoiros que están en diferentes puntos para admirar a paisaxe.