A RÚA DE VALDEORRAS
Unha vila ligada ao pasado romano
SITUACIÓN XEOGRÁFICA
A vila ruesa está ligada á historia dos antigos poboadores do val, os gigurros, e tamén ao pasado romano da zona coa Via Nova como protagonista. Entre os lugares visitables relacionados con ese pasado destaca a lápida de Pompeio Reburro, o primeiro valdeorrés de nome coñecido ou a ponte da Cigarrosa, con base romana aínda que a súa fábrica actual xa é medieval.
Ademais do apartado histórico, un dos lugares que máis identifica este concello é o encoro de San Martiño e toda a paraxe que se creou ao seu redor: a área recreativa do Aguillón. Na contorna deste encoro reúnese a oferta deportiva, recreativa e lúdica da vila, converténdoo nun dos maiores recursos turísticos do municipio.
HISTORIA
A orixe etimolóxica do topónimo A Rúa podería ter a súa orixe na Via Nova romana. A calzada atravesaba o val e a súa superficie de gravas e sábrego xustificaría o nome de «via ruga» (unha vía «rugosa»); ese adxectivo evolucionaría ao substantivo rúa.
O concello rués conta entre as súas localidades ca antiga poboación de San Estevo, da que se indica nalgúns escritos que sería o xermolo deste municipio. De feito, nos documentos medievais fálase de San Estevo e só a finais da Idade Moderna empeza a aparecer San Estevo da Rúa. Polo que hai historiadores como Quintana Prieto e Castro Voces que manifestan dúbidas sobre a orixe latina do topónimo, pola distancia temporal entre a palabra e o seu primeiro uso.
O municipio conta con outros lugares con historia como é o caso de Fontei cunha igrexa disque deseñada polo arquitecto Gaudí e mesmo unha casa grande, hoxe reconvertida en parte en adega.
A vila hoxe vive principalmente do comercio e do viño, tendo un número importante de adegas da DO Valdeorras e mesmo unha cooperativa dos anos 50 do século pasado.
Tamén ten un espazo senlleiro a empresa Iberdrola, xa que aquí ten a sé que xestiona varios encoros da contorna. De feito, un dos espazos paisaxísticos máis destacado deste municipio é o Encoro de San Martiño e toda a área recreativa do Aguillón, conformada pola presenza do río Sil e este encoro. Un lugar no que se atopan pistas deportivas, campos de fútbol, a piscina e polideportivo municipal.
Ademais co paso dos anos, creouse todo un novo espazo de alto valor ecolóxico, converténdose nun lugar para aniñar diversas especies e tamén de paso migratorio de multitude de paxaros.
Un dos lugares ideais deste concello para admirar este encoro, o río Sil e a paisaxe de viñedos e montañas que o rodea é o miradoiro de Barranco Rubio.
Dende este punto tamén se pode ver a Igrexa de Santo Estevo, de orixe barroca, e a de Fátima de Fontei, xa do século XX. Así como a ponte da Cigarrosa, de orixe romana e punto importante da Via Nova, que une os concellos da Rúa e o de Petín.