Templo do século XVII, erguido no barroco característico da diocese asturicense e reformado no século XVIII, que conta con obras de arquitectura, pintura e imaxinería de sobranceiros artistas da época. Polo seu lado pasa o Camiño de Inverno e inserida na parede dun edificio, fronte a portada da igrexa, está situada unha placa romana na que se conta a vida de Lucio Pompeio Reburro, o primeiro valdeorrés coñecido.
HISTORIA
A igrexa de Santo Estevo da Rúa está situada en pleno corazón do lugar de Santo Estevo, máis coñecido polo topónimo da Rúa Vella. É moi probable que existise un templo medieval desde o século XII, do que en 1568 dise que tiña tres naves divididas en pequenas capelas. Un chapitel de mármore atopado nas inmediacións do templo e as raíces paleocristiás do culto a San Estevo poderían abonar a hipótese dunha primitiva edificación dos primeiros séculos do cristianismo.
A actual igrexa ergueuse na primeira metade do século XVII e no seu retablo maior traballaron artesáns nomeados coma Lupercio Jetino (1624) e Isidro de Vega que o remata en 1629. As obras de reforma máis salientables fixéronse entre 1715 e 1739. Cubriuse a nave central cunha bóveda de madeira, apoiada sobre arcos faixóns do mesmo material e intradorso decorado con casetóns con relevos vexetais.
En 1732, o arquitecto Juan Martínez Pita -quen tamén traballou no Santuario das Ermidas (O Bolo)- mandou subir as paredes das naves por riba dos arcos formeiros de medio punto e facer a bóveda de medio canón con arcos ensamblados. Tamén fixo a escaleira do púlpito e unha nova cornixa. En 1739, ergueuse unha cúpula de media laranxa, onde o mestre de obra foi axudado polo seu fillo Gregorio Martínez Pita. Un ourive de Ponferrada fixo as vidreiras que pechaban as fiestras da lanterna.
O edificio sufriu reformas posteriores que o levan a ter detalles neoclásicos nalgunha das súas paredes exteriores. A igrexa érguese fachendosa no medio do casco vello rues e chama a atención de visitantes e peregrinos coa súa rotunda torre destacando por riba dos tellados das casas veciñas.