O primeiro valdeorrés de nome coñecido foi un pretoriano que serviu en Roma no último cuarto do século primeiro da nosa era. A súa carreira militar está descrita nun cenotafio que se conserva fronte a igrexa de San Estevo na Rúa Vella.
HISTORIA
Esta lápida era un cenotafio –un memorial sen cadáver- dun garda pretoriano procedente do castro de Calúbriga (antiga poboación da tribo astur dos gigurros). A lápida -datada entre o 100 e o 105 d.C.- fai un repaso da carreira militar de Lucio Pompeio Reburro Fabro, un suboficial que foi home de confianza do tribuno da sétima cohorte pretoriana, en Roma.
Texto orixinal | Tradución |
[L(ucio)] Pompeio L(uci) f(ilio) /Pom(ptina) Reburro Fabro/Gigurro Calubrigen(si) probato in coh(orte) VII pr(aetoria) beneficiario tribuni tesserario in (centuria) optioni in (centuria) signifero in (centuria) fisci curatori cornic(ulario) trib(uni) / evoc(ato)Aug(usti) L(ucius) Flavius Flaccinus h(eres) ex t(estamento) | (A) Lucio Pompeio –fillo de Lucio- Reburro Fabro Da tribo Pomptina. Do pobo dos gigurros e calubriguense. Serviu na sétima cohorte pretoriana como Beneficiario do tribuno Transmisor das súas ordes Aspirante a centurión Portaestandarte Administrador do orzamento Corniculario do tribuno E chamado á reenganchar polo emperador (Dedícalle esta lembranza) Flavio Flacino, por mandato testamentario. |
Na lápida enuméranse todos os cargos e responsabilidades dun militar que estivo a piques de chegar a centurión. Ao cumprir o seu servizo militar, volveu á súa terra natal coa cidadanía romana. Así o sinala a súa adscrición á tribo pomptina, que era a tribo de Roma na que tradicionalmente se integraban os novos cidadáns de provincias.