LAROUCO
Un dos pobos máxicos de España
SITUACIÓN XEOGRÁFICA
Esta localidade de montaña entrou na Asociación de pobos máxicos de España no ano 2022. Conta con numerosas referencias ao pasado dos antigos poboadores astures e da romanización destas terras como son o castro do Castrillón e os lagares rupestres.
Ademais, como terra de viño, conta cos socalcos nas abas das montañas para crialo e as covas escavadas na pedra para gardalo. Sobre todo na localidade de Seadur, onde a súa festa de covas en Semana Santa xa é unha tradición na comarca e fora dela.
HISTORIA
O nome deste concello parece que procede da época prerromana. Historiadores como Luís Colmenero e Antonio L. Fontes fixeron un estudo no que concluíron que Laravcus ou Laravcos era un antigo deus anterior á romanización con atributos similares a Xúpiter.
Seguindo co rastrexo do pasado deste lugar tamén hai que facer referencia a unha moeda visigoda na que se pode ler Laruclo e da que hai historiadores que dan como lugar de acuñación esta localidade valdeorresa. A ligazón co pasado está por todas partes neste concello ca existencia de ata 3 castros e o paso da Via Nova romana.
Este termo municipal está atravesado pola estrada nacional N-120 en dirección a Quiroga así como pola provincial OU-636 que permite a comunicación con Manzaneda e Trives. Pouca xente pode imaxinarse, cando fai ese sinuoso percorrido, que hai séculos formou parte dunha estrada romana.
De feito, na zona dos coñecidos como Codos de Larouco, aínda poden verse partes desa Via Nova que atravesa este concello de Oeste a Leste. E chegando por este vial ao límite cos veciños concellos de Quiroga e Trives atópase a Ponte Bibei, única ponte romana no norte de España, que con máis de dous mil anos de historia aínda está en uso.
As viñas forman parte da paisaxe e de feito, dende hai moitos séculos, xa que no seu escudo aparece unha cepa.
Tamén nel se fai referencia a que estas terras pertenceron á Orde dos Cabaleiros Hospitalarios de San Xoán de Xerusalén (Cruz de Malta) a través da encomenda sanxoanista situada no veciño Concello de Quiroga.
QUÉ OFRECE AO TURISTA?
Entre os lugares de obrigada visita neste concello membro da Asociación de Pobos Máxicos de España (2022) atópanse:
- O castro do Castrillón: un poboado fortificado de máis de 2000 anos de historia, que conta cun gran sistema defensivo, e considerado por expertos como un dos máis monumentais da península ibérica e coa descuberta recente dun sistema de enterramento dun ser humano que segue en estudo.
- Os lagares rupestres: segundo os primeiros estudos feitos por expertos son lagares romanos do século IV d.C. Atopáronse ao facer novas plantacións de viña grazas á sensibilidade do propietario que decidiu avisar e conservar o achádeo. O Concello ten sinalizadas rutas para camiñar e poder visitalos.
- As Covas da localidade de Seadur: adegas escavadas na pedra que se usan para gardar o viño e que xa se converteron en elementos etnográficos de gran relevancia. A súa festa é na Semana Santa, o Sábado Santo, e reúne a centos de persoas facendo o percorrido por elas tomando viños e comendo petiscos.