O Concello de Larouco sinalizou tres rutas para poder coñecer o seu territorio xunto cos restos romanos relacionados co paso da Via Nova e os lagares rupestres, así como a paisaxe con viñedos e os bosques de aciñeiras, sobreiras e oliveiras. Dúas rutas teñen dificultade Baixa e outra media. O casco urbano e as localidades de Freixido e Seadur forman parte do recorrido dalgunha destas rutas:
- Ruta dos Lagares e via romana
- Ruta Romana do Viño de Larouco
- Ruta Seadur e Pena Falcoeira
HISTORIA
Este concello conta na súa historia cun forte pasado romano e restos que aínda hoxe se poden ver e visitar. Os lagares rupestres e o trazado da Via Nova romana forman parte dese acerbo histórico cultural e agora tamén serven para coñecelos camiñando. Hai dúas rutas que están relacionadas con esta temática: a dos lagares e via romana e a ruta romana do viño de Larouco. A primeira é máis curta duns preto de 5 quilómetros a segunda é máis longa, uns 14 quilómetros, xa que une o casco urbano con Seadur e con Freixido e permite o enlace coas outras rutas marcadas: a dos lagares e tamén a de Pena Falcoeira.
En todas elas poderase desfrutar da paisaxe e da natureza de corte mediterráneo como as xaras, aciñeiras, sobreiras e oliveiras. As tres rutas están marcadas con frechas amarelas, azuis e vermellas e dende a páxina web do concello poden descargarse os mapas para facelas.
Esta Ruta dos Lagares e Via Romana conta cuns 4,8 quilómetros de senda circular e unha desviación ao lagar As Pedreiras duns 800 metros (solo ida), xa que este lagar está no medio dun viñedo fora da ruta. A ruta é de dificultade baixa e ten frechas de cor amarela nos carteis indicadores. Parte dende o casco urbano e vai ata Freixido para volver despois ao mesmo lugar de partida.
A Ruta romana do viño de Larouco ten 14,3 quilómetros e está sinalizada con frechas azuis. Esta ruta fai de conexión coas outras dúas sinalizadas polo concello e permite un coñecemento máis amplo do territorio. A súa dificultade é media. Pártese do casco urbano e rematase en Freixido despois de pasar polo miradoiro de Pena Falcoeira e pola localidade de Seadur. Aínda que dende Freixido pode converterse nunha ruta circular usando un tramo da ruta dos lagares, coas frechas amarelas, ata chegar de novo ao casco urbano. O número de quilómetros amplíase deste xeito.
A Ruta de Seadur e Pena Falcoeira son 6,9 quilómetros con percorrido circular e saída dende a localidade de Seadur. Esta zona permite empezar o trazado coñecendo a zona de covas, adegas soterradas, e ir subindo cara Pena Falcoeira. Á saída de Seadur atopase un miradoiro, sinalizado e cun panel, que permite situarse e ter unhas boas vistas do val divisando ata A Rúa e Vilamartín.