Lugar con gran valor paisaxístico co río Bibei, a montaña e as viñas en socalcos como protagonistas. E para completar, a historia do paso da Via Nova por estas terras. Percorrendo a actual estrada serpentina, feita seguindo o trazado da romana, poden verse nas súas beiras os seus restos.
Ademais, aínda que a ponte Bibei xa non pertence ao Concello de Larouco, está moi preto do límite e forma parte da historia desa Via Nova por Valdeorras e a súa entrada na veciña comarca de Trives. Unha ponte que é única en Galicia e que aínda ten uso viario na actualidade con máis de 2000 anos de historia.
HISTORIA
O Concello de Larouco está atravesado de Oeste a Este pola Via Nova ou Via XVIII que unía Asturica Augusta (Astorga), metrópole do convento xurídico asturicense, e Bracara Augusta (Braga-Portugal), a capital da antiga Gallaecia romana. Desta calzada quedan moitos vestixios e tamén topónimos en todo o municipio. Hai historiadores locais como José Fernández, que nos indican que ao redor dun 70% da estrada está á vista na zona entre o alto da Ermida en Larouco ata a localidade de Mendoia, xa no veciño Concello de Trives.
Nesa zona, por onde hoxe pasa a estrada OU-636, que une a comarca de Valdeorras con Trives, o trazado respecta case a forma exacta que os romanos fixeron hai máis de 2000 anos. As moitas revoltas que se tiveron que facer para salvar desniveis e regatos están hoxe igual e son o que se coñece como os “Codos de Larouco”. Na parte máis baixa entre eses dous puntos atópase a Ponte Bibei. Construída segundo o historiador, José Fernández, no século I despois de Cristo, en tempos dos emperadores Tito e Domiciano, e reformada despois na época do Emperador Trajano xa entrado o século II.
Tanto as alusións a Tito como a Trajano están relatadas en dous fitos de pedra colocados ao lado da ponte. Indica este historiador que un é un miliario no que se fai alusión a Tito e o outro é unha columna conmemorativa do reinado de Trajano pola reconstrución desta infraestrutura.
Declarado no ano 1932 como Monumento histórico artístico, para a súa construción os romanos escolleron un lugar onde o río Bibei está máis encaixado. A ponte de 75 metros de longo e 6,5 metros de ancho, conta con 3 arcos e o central ten 22,5 metros de altura dende o leito do río. A ponte hoxe en día segue a ter uso viario como parte da estrada OU-636 e por ela cruzar a diario vehículos de todo tipo.