VILAMARTÍN DE VALDEORRAS
Viñas e covas na súa paisaxe
SITUACIÓN XEOGRÁFICA
Este concello con fortes vencellos coa viticultura garda no seu territorio tesouros escondidos como o Castelo ou Castro de Valencia do Sil do século V, do que aínda queda moito por contar. Esta é terra de pazos e tamén de covas: esas adegas soterradas que neste territorio cóntanse por centos e nas que se celebran festas con miles de visitantes durante o verán.
Ademais aquí están as ruínas dun convento de gran importancia, o Convento dos Trinitarios de Correxais, o primeiro centro educativo na comarca no século XVIII. Todo isto regado polas augas do Sil e dos seus afluentes e as montañas que esconden rutas para camiñar como a Loba da Fada con lenda incluída.
HISTORIA
En Vilamartín o paso do río Sil ensanchase polo encoro de Santiago e ao seu carón creouse a área recreativa do Bañadoiro, onde se poden practicar deportes tanto na auga, como en terra coas instalacións deportivas municipais. Nesta zona de paso do Camiño de Inverno, tamén se admira a paisaxe e a fauna de ribeira que é moi abundante. Este concello de gran tradición vitícola alberga a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe de Valdeorras i é punto de referencia no mundo dos enxertos para variedades como o godello e a mencía.
O viño ten unha especial relevancia nos centos de covas onde se garda das temperaturas extremas do verán e do inverno. As rutas de covas no casco urbano de Vilamartín, en Arcos ou en Valencia do Sil son ademais punto de encontro durante os meses de verán para centos e, mesmo miles, de persoas. Todos eles, veñen coñecer estas singulares construcións baixo terra degustando viños e petiscos variados e con moita troula e música tradicional.
Os restos arqueolóxicos son importantes en varias parroquias como os petróglifos de Valdegodos ou a explotación aurífera en Córgomo; pero un dos máis senlleiros está na localidade de Valencia do Sil: O Castelo (Castellum).
Un castro romano que nos últimos anos está ganando cada vez máis relevancia polos descubrimentos que alí se están a facer. Os investigadores de Sputnik Labrego cualifícano como como un dos xacementos arqueolóxicos de época romana máis relevantes do noroeste peninsular.
A historia tamén é moi relevante na localidade de Correxais onde hoxe podemos ver as ruínas dun antigo Convento dos Trinitarios Descalzos e a súa igrexa dedicada a San Pedro. Este lugar foi no século XVIII un dos primeiros centros educativos da comarca.
O apartado de rutas para camiñar tamén ten contido neste concello con dúas rutas marcadas e homologadas e cadansúa lenda detrás: a PR-G 254 da Loba da Fada e a PR-G 271 da Santa Compaña, esta última en colaboración co veciño Concello do Barco de Valdeorras.