O Castelo de Valencia do Sil: a historia por descubrir

top cedida

Na localidade de Valencia do Sil, á beira do encoro de Santiago, levan moito tempo sabendo que na ladeira da montaña hai un castro ou castelo, como se lle coñece nesta zona.  Nos anos 60 un grupo de afeccionados valdeorreses, coñecidos como os Escarbadores, empezaron a destapar algunhas edificacións deste asentamento.

Hai uns anos o grupo de investigación arqueolóxica, Sputnik Labrego en colaboración co Concello de Vilamartín empezou a traballar e a buscar máis información. As súas pescudas seguen abertas e estase a falar dun dos xacementos arqueolóxicos de época romana máis importantes do noroeste peninsular. 

HISTORIA

O Castelo aparece nun esporón da marxe esquerda do río Sil na pequena localidade de Valencia do Sil. Os traballos de investigación actuais sitúano como un dos grandes xacementos arqueolóxicos de época romana no norte de España. Coñecido dende inicios do século XX, foi escavado durante os anos 60 e 70 polo grupo de afeccionados valdeorreses, coñecidos como Os Escarbadores, entre eles xa se atopaba un futuro  e importante arqueólogo local, Santiago Ferrer, que anos despois volveu investigar neste lugar.

En 2017 os traballos retómaos a asociación de investigadores arqueolóxicos, Sputnik Labrego, e fan grandes avances chegando a definir este lugar como un dos xacementos arqueolóxicos de época romana máis relevantes do noroeste peninsular.

Todos os traballos mostran un enclave moi ligado á actividade mineira na zona, como denotan as dúas fases de ocupación do sitio. A primeira, datada no cambio de era, está vencellado coa integración de Valdeorras no Imperio Romano e o inicio da explotación mineira da contorna, posiblemente pola poboación de gigurros que ocupaban o territorio con anterioridade á conquista romana.

Despois dun período de abandono, seguramente vencellado á crise mineira nas minas das Médulas, na veciña comarca do Bierzo, o sitio volveu ser ocupado durante a cuarta e quinta centuria. Momento no que se constrúen as grandes vivendas, cuxos muros pódense observar hoxe, e unha forxa para o traballo do metal, a máis grande documentada polo de agora no noroeste peninsular.

Neste contexto de forxa documentáronse cantidades moi grandes de escouras de ferro e de bronce, así como un pico de traballo mineiro. Ademais dun complexo sistema hidráulico escavado que aproveitaba as escorrentías de augas. E  grazas á documentación dunha pebida de uva, atopada neste recinto, pódese supoñer que ata houbo cultivo de vide. O sitio foi abandonado posiblemente como consecuencia da desintegración do Imperio Romano, sendo utilizado como espazo de cultivo en socalcos dende a Idade Media.

SABER MÁIS

VÍDEO SPUTNIK GALEGO

GALERÍA

VISTA EN 360 º

Reproducir vídeo

¿Qué estás buscando?

CONTACTO