Correxais: Convento dos Trinitarios e igrexa parroquial de San Pedro 

top

As ruínas deste convento chaman á atención ao visitante que chega a Correxais. A subida ata esta localidade xa merece a pena polas excelentes vistas. Unha vez nela o que se pode ver son os restos do que queda dun impoñente edificio de pedra que fai pensar no importante que foi no século XVIII. Entre as súas paredes está a historia do primeiro centro educativo da comarca.

Merece a pena o paseo polo pobo e visitar a igrexa parroquial de San Pedro do século XVII, con moito que ver no seu interior e coa súa impoñente torre do campanario feita da típica pedra vermella. Torre que é visible dende o val e que esperta a curiosidade de ir visitala.

HISTORIA

En Correxais a uns 650 metros de altura, con excelentes vistas do val, atópanse as ruínas deste edificio que foi Convento dos Trinitarios Descalzos. Moi preto está a igrexa parroquial de San Pedro cunha impoñente torre do campanario e con importantes grupos escultóricos e pictóricos no seu interior. 

O convento comezou a súa actividade no ano 1727 cunha ducia de alumnos que recibían formación en filosofía, teoloxía moral e gramática. En 1750 segundo os datos do historiador, Antonio Castro Voces, vivían nesta localidade 48 veciños dos cales había un boticario, un carpinteiro, un ferreiro, dous xastres e tres zapateiros. Uns profesionais que vivían no pobo posiblemente grazas ao movemento que xeraba a presenza dos estudantes e dos 22 sacerdotes do convento. 

Dando un paseo pode verse o que queda deste lugar que foi o primeiro centro educativo na comarca. Nunha louxa no chan da entrada pode lerse “Bendita sexa a santísima Trindade”. Este convento funcionou ata mediados do século XIX, data na que, coa desamortización vendeuse por 10.000 reais. A edificación na actualidade é privada e está en moi malas condicións. Os intentos do concello por conseguir a súa cesión, nos últimos anos, aínda non deron os seus froitos.

Este lugar ten sido obxecto de congresos e estudos inspirando tamén libros como «Correxais no berce da cultura, cara á liberdade», de Antonio Castro Voces e David Daniel Vázquez Álvarez.

Igrexa parroquial de San Pedro 

A escasos metros do convento atópase a igrexa parroquial de San Pedro de Correxais. Un templo anterior ao convento, de feito na torre pode lerse a inscrición “ Reynando Carlos II  y  abad D[on] Antonio de Hoyos hizo esta obra el M[aestro] P[edro] de la Bega. Ano 1691”. 

Este templo protexido e incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia ten planta de cruz latina feita en pedra, con cruceiro elevado e cuberta a dúas augas con tellado de louxa. Chama a atención a torre cuadrangular, anexa ao templo, que ten oito arcos e unha parte final en forma piramidal. Unha factura que se observa dende o val e que invita a subir ata o pobo para poder vela de primeira man.  Destaca na súa base unha bóveda de cruceiro, feita en cachotería. Está feita toda ela coa pedra de cor vermellón típica da comarca que tamén se pode ver na estrutura da igrexa.

No seu interior a igrexa ten varios conxuntos escultóricos e un vetusto mobiliario de púlpitos, confesionarios e outros elementos que chaman a atención.  Destaca a posta en escena do retablo maior. Poden verse pintadas as virtudes en forma de muller, ademais de catro santos e tamén hai unha representación da adoración dos pastores de gran valor.  Noutras partes da igrexa hai outros conxuntos escultóricos dignos de admirar.

SABER MÁIS

GALERÍA

VISTA EN 360 º

Reproducir vídeo

¿Qué estás buscando?

CONTACTO