RUBIÁ
Simbiose co parque natural da Enciña da Lastra
SITUACIÓN XEOGRÁFICA
Este concello está moi unido aos montes que conforman o parque Natural Serra da Enciña da Lastra.
A paisaxe de castiñeiros e as viñas mestúranse nas súas ladeiras e son un medio de vida para unha poboación que ten as súas orixes no nome dunha divindade das antigas tribos astures que habitaron estas terras.
Por este concello entra a Via Nova romana dende O Bierzo e pasa polo parque natural. A natureza é un dos seus principais atractivos.
HISTORIA
O Concello de Rubiá é a porta de entrada a Galicia e a Valdeorras dende O Bierzo. O seu nome parece provir de “Ravveana”, o nome dunha divindade das tribos astures que viviron nesta zona. O río Sil bordea este termo municipal creando canóns e gorxas entre altos picos calcáreos, na zona do encoro de Peñarrubia, que forman parte do parque Natural Serra da Enciña da Lastra.
Un dos seis parques naturais protexidos en Galicia e que conta cunhas peculiaridades de chan e fauna propiciados polo microclima da comarca con características mediterráneas. As “palas”, palabra antiga que significa “covas”, cóntanse en máis de 200 neste parque, e son un paraíso para os espeleólogos. Ademais de refuxio dunha das maiores comunidades de morcegos en España.
A flora é tamén especial coa posibilidade de ver ata 27 tipos distintos de orquídeas e unha planta endémica única nesta zona. O visitante pode coñecer as peculiaridades deste parque no seu centro de recepción de visitantes.
Por estas terras entrou a Via Nova romana dende O Bierzo, restos que aínda hoxe se poden ver na localidade de Robledo, dentro das lindes do parque protexido. As rutas para camiñar e a rede de miradoiros son as mellores maneiras de coñecer todo o que ofrece Rubiá no referente a natureza.
Fora do territorio protexido, a montaña segue mandando e nas súas ladeiras crecen viñas de godello e mencía coas que se elaboran grandes viños. Ademais os numerosos soutos fan da recolección da castaña, xunto coa vendima, dúas datas importantes no calendario dos traballos agrícolas dos habitantes destas terras.