O BARCO DE VALDEORRAS
A capital de Valdeorras no val do Sil
SITUACIÓN XEOGRÁFICA
A vila barquense con máis de 13.000 habitantes situase á beira do río Sil e os barquense usan o Paseo do Malecón como punto de encontro e de festas. Esta localidade conta cunha Festa gastronómica de Interese Turístico Galego, a do Botelo, que cada ano reúne no mes de xaneiro a máis de mil persoas.
O concello completase con localidades con moita historia como Viloira, O Castro ou Xagoaza e lugares de gran beleza paisaxística como a pincheira de Fervenza, o miradoiro de Alixo e as variadas rutas para camiñar e descubrir o corazón de Valdeorras.
HISTORIA
O Barco centro urbano e as súas 14 parroquias ocupan parte do val do río Sil e as terras de montaña que o rodean. Esta configuración do terreo é o que deu orixe ao topónimo, a partir dunha base prelatina, *barc u *barg (concavidade). Como capital da comarca convertese en centro comercial e de servizos administrativos e de hostalería. O mellor xeito de chegar é a través da N-120 en coche e tamén por tren con estación no centro.
O casco urbano ten o paseo do Malecón como punto de referencia para veciños e visitantes para vivir o río Sil. A través de pasarelas como a da Capitana comunican o casco vello, coas súas singulares casas sobre o río, coa vila de Viloira e a súa casa grande (nome que se lle dá os pazos en Valdeorras). Un gran edificio do século XVII que hoxe é sede de oficinas da administración galega. Ademais os seus xardíns son de uso e goce de todos os paseantes. A feira mensual en Viloira, cada día 6, é punto de encontro non só dos veciños desta localidade senón tamén da contorna.
A vila barquense presume de ser a capital do botelo, un embutido feito co estómago do porco que ten Indicación Xeográfica Protexida e ademais é Festa de Interese Turístico Galego (ano 2014) con festexos a mediados de xaneiro. Un vello refrán di “do mar o mero e do Barco o botelo” e xa levan máis de 20 anos reunindo a xente ao redor da mesa co botelo como rei gastronómico do inverno.
O casco urbano pódese usar de base para coñecer as parroquias e os seus diversos lugares de visita, nos que se estará con poucos minutos en coche. Por exemplo pódese visitar o Castro, vila histórica dende a Idade Media coa súa fortaleza protexida como Ben de Interese Cultural dende o ano 1994. Ou a pincheira (salto de auga) do pobo de Fervenza cunha ruta de gran beleza entre soutos de castiñeiros así como a zona de Xagoaza coa igrexa de orixe románico.