O paseo do Malecón á beira do río Sil pode definirse como o celme da vida social na vila barquense. Dotado con múltiples infraestruturas lúdico-deportivas convértese no lugar onde atopar aos veciños a calquera hora do día e gran parte da noite, sobre todo no verán. Os paseos por esta zona son habituais e forma parte do punto de encontro dos nenos nos parques infantís mentres os maiores están nas terrazas dos bares e restaurantes. O xardín botánico, as piscinas, as zonas deportivas, a praia fluvial e o campo da festa completan a oferta deste espazo de referencia para todos os veciños e visitantes desta vila barquense. Ademais o paseo está conectado coa outra beira do río cunha pasarela sobre o Sil. Nos últimos anos outro dos atractivos desta zona é ver a comunidade de parrulos, garzas e ocas que se instalaron no río e fan vida nel case todo o ano.
HISTORIA
Este singular edificio pertenceu a dous das institucións con máis propiedades en Valdeorras, ao longo dos séculos. Primeiro ao mosteiro de San Pedro de Montes (Bierzo) no século XI e, posteriormente, á encomenda que a Orde dos Cabaleiros Hospitalarios de San Xoán de Xerusalén tiñan nas veciñas terras de Quiroga. Isto posiblemente levou a chamarlle mosteiro ou tamén “granxa do mosteiro”, pero non hai documentación nin restos arqueolóxicos que confirmaran a presenza alí dese edificio relixioso. Si que conta ao seu carón cunha igrexa de orixe románica, a de San Miguel.
No século XVI habería un conxunto de vivendas coas súas fincas, parcelas e prados anexos. Este conxunto formaría un casar; había outros no lugar, pero este era a herdade máis prezada que os Cabaleiros Hospitalarios tiñan nesta zona. Nel morarían os administradores nomeados pola encomenda hospitalaria de Quiroga. Co tempo e as diversas transmisións patrimoniais, acabaría formándose un único edificio principal, que amosa nunha das súas fiestras coa data de 1769 e no portón de entrada a de 1779. Coa desamortización pasou a ser propiedade da familia Prada e Velasco e xa no século XX, nos anos 50, foi adquirido pola empresa electroquímica CEDIE S.A.
No ano 1986 a empresa Adegas Godeval restaurou o edificio abandonado e as construcións anexas para convertelo no lugar de elaboración do seu viño de godello.
O edificio está realizado en pedra e conta rodeando as portas e fiestras cunha pedra vermella típica da zona, que segundo os expertos é de orixe volcánica. Todo o edificio articúlase ao redor dun patio interior rectangular. Na zona tamén hai as antigas cortes de animais, unha fonte con nacemento de auga propio e unha cova (adega soterrada) onde se gardaba o viño.