Santuario mariano Virxe das Ermidas

AEVA 2 (207 de 258)

Este conxunto arquitectónico con 400 anos de historia é o recurso patrimonial máis destacable da comarca de Valdeorras e foi declarado BIC (Ben de Interese Cultural) en  2006. Trátase do segundo santuario mariano máis antigo de Galicia e a súa fachada é un dos grandes exemplos do barroco galego.

A súa situación chama a atención por estar encaixado na montaña e co río Bibei ao fondo. De feito o propio edificio está rematado contra a propia montaña. Conta ademais cun gran vía crucis barroco que se estende por todo o pobo.

HISTORIA

Este conxunto arquitectónico é o recurso patrimonial máis senlleiro de Valdeorras e foi declarado BIC (Ben de Interese Cultural) en  2006. O santuario desafía as pendentes da montaña no fondo dun fermoso val cruzado polo río Bibei. Na época medieval, os eremitas e santóns que se acubillaban nas covas desta paraxe e a aparición da imaxe da virxe deron lugar a diversas ermidas construídas nos abrigos rochosos; esta foi a orixe do topónimo.  

O templo foi construído por orde do bispo de Astorga, Alonso Messía de Tovar, coma agradecemento dunha curación milagreira (1624). Sucesivas reformas e ampliacións, ideadas por Frei Nicolás de Madrid -responsable do Panteón Real do Escorial e, posteriormente, bispo de Astorga- converteron a igrexa nun edificio de tres naves, no que a fermosa fachada barroca queda enmarcada por dúas torres monumentais. A nave do cruceiro está cuberta por unha cúpula pétrea e a nave central foi decorada cun artesoado policromado do que pendura un curioso exvoto; un galeón de madeira. Entre os retablos que contén destaca o que representa a Dormición da Virxe -das poucas que hai na Península- mailo espectacular retablo central, que amosa a imaxe da patroa de Valdeorras. Tampouco hai que esquecer o altar maior labrado en prata.

O padroado dos bispos de Astorga, a través dos administradores do santuario, tamén promoveu a ampliación das edificacións deste lugar cunha Casa de Administración, unha lonxa porticada e a hospedería de peregrinos (hoxe abandonada). Destaca especialmente o vía crucis -con tallas polícromas de tamaño natural e quince estacións- que percorre a aldea  e está inspirado no que existe no Bom Jesús do Monte (Braga, Portugal). 

Este conxunto acolleu, ademais, unha escola desde o século XIX que entre 1944 e 1965 funcionou coma Seminario Menor de Astorga. O Concello do Bolo promoveu nos últimos anos varias obras de restauración da zona amurallada, o atrio porticado e o exterior do edificio do santuario a través do Plan Director en colaboración coa Xunta de Galicia.

O Concello do Bolo conta cun servizo de guías municipais para poder visitar este lugar de balde de venres a domingo e os festivos nacionais de 10 a 12 horas. 

SABER MÁIS

SANTUARIO AS ERMITAS

606 01 71 05

Teléfono municipal de información turística

GALERÍA

VISTA EN 360 º

Reproducir vídeo

¿Qué estás buscando?

CONTACTO