A igrexa de San Miguel situada na localidade barquense de Xagoaza atópase nun entorno de bosque, á beira do regato Mariñán e ao lado da Casa señorial Mosteiro de Xagoaza. Destaca a zona do cabeceiro de orixe románica e uns rechamantes canzorros situados na cornixa que rodea toda a zona da ábsida semicircular. Outro elemento de importancia desta edificación é a Cruz de Malta que figura esculpida enriba dunha das portas de entrada.
HISTORIA
A igrexa parroquial, dedicada a San Miguel, acumula nas súas sucesivas modificacións un legado artístico moi salientable. O primitivo núcleo románico é dos séculos XII ou XIII, do que se conserva a cabeceira. Este ábsida semicircular está cuberta parcialmente por unha bóveda de cascaron e restos de chapiteis, reutilizados en diversas partes do edificio. A ábsida está rodeada de saeteiras; destaca a troneira central, enmarcada por columnas de fuste liso e un arco de medio punto. Bordea o ábsida unha cornixa de granito decorada con canzorros, con decoracións xeométricas e antropomórficas.
No seu interior hai interesantes restos visigodos: apoiando a altar actual, obsérvase un unha placa de contraporta de época sueva ou visigoda, con decoración vexetal; tamén hai outros restos na decoración interior que poderían remitir a un templo primitivo desa época.
A igrexa de San Miguel de Xagoaza sofre unha importante reforma no século XVI. Desaparece a nave románica orixinal e faise unha ampliación que se traduce en dúas novas naves asimétricas. O máis interesante deste período é o conxunto de frescos que decora o interior da igrexa na zona do altar maior. Entre as figuras claramente identificables están San Xoán Bautista e San Cristovo mailo neno Xesús.
Na entrada deste templo, non se pode deixar de mencionar o escudo que se atopa no frontal: trátase da cruz dos cabaleiros hospitalarios da Orde de Malta. Este brasón indica que a igrexa e estas terras pertenceron a esta famosa orde relixioso militar que tivo a súa base nas veciñas terras de Quiroga. A porta exterior do antigo baptisterio, tamén con arco de medio punto, é o que está coroado polo devandito escudo.