Ponte Éntoma: Unha ponte do Camiño de Inverno do século XVII

Ponte_de_Entoma-1

Esta peculiar ponte de lousa está situada na localidade de Éntoma sobre o río Galir. Este é lugar de paso obrigado do trazado do Camiño de Inverno por Valdeorras na etapa que conecta Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) co concello da Rúa. Esta ponte, coñecida por moitos como a “ponte romana”, non é tal xa que os documentos históricos explican como está feita no século XVII. Se antes houbo outro tipo de ponte non hai referencias escritas. O lugar é de especial beleza por ver o río Galir encaixado entre paredes de lousa e a ponte feita co mesmo tipo de material.

HISTORIA

Os peregrinos, que recorren o Camiño de Inverno por Valdeorras,  entran no concello barquense, procedentes de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) a través da localidade de Éntoma. Neste lugar o río Galir atravesa o centro da poboación e a ponte que o permite cruzar chama a atención. Trátase dunha construción feita en lousa cun solo arco no que as laxas de lousa encaixan entre elas nunha arcada que soporta o paso superior. A súa factura “ao xeito antigo” fixo que durante anos, e incluso na actualidade, haxa quen diga que a súa orixe é romana. Pero a realidade é outra. A ponte foi construída “a cementis”, como explica o historiador Isidro García Tato, é dicir, dende os inicios, entre o 7 de marzo de 1665 e 1685 polo construtor cántabro, Lucas de Higar. Este veciño de Ponferrada foi ao que tamén lle adxudicaron na zona outras pontes como a de Puente de Domingo Flórez, a Ponte Nova en Sobradelo, a da Proba no Barco e a da Rodeleira en Vilamartín. O canteiro foi segundo consta na documentación no Arquivo Histórico Nacional, Juan Bautista de Velasco, e o xeito de construción e os materiais están descritos no proxecto. Entre outras especificacións indícase que o arco da ponte ha de ser feito de lousa. Este foi o xeito de mellorar “aquel mal paso” tal e como se indican nos documentos, polo tanto antes existiría outra ponte da que non se teñen datos. 

O lugar ten especial beleza por ver como o río Galir atravesa a localidade de Éntoma en dirección ao Sil encaixado nesta parte entre paredes de lousa. O val do Galir pode recorrerse en coche ou andando e descubrir a súa paisaxe entre Éntoma e A Veiga de Cascallá, xa no veciño concello de Rubiá. 

SABER MÁIS

GALERÍA

VISTA EN 360º

Reproducir vídeo

¿Qué estás buscando?

CONTACTO