Pazo de Arnado: unha construción feita por amor e sen rematar

Pazo_de_Arnado-1

O pazo ou castelo de Arnado chama a atención pola súa arquitectura, a súa pedra gris e tamén por estar inacabado. Para acceder ao pobo de Arnado a estrada pasa por debaixo dunha das torres desta construción do século XX. Unha edificación que conta cunha historia peculiar na que Pedro Sanjurjo Flórez mandou construír o pazo por amor a súa muller Pilar Argudín Bolívar. Pero a obra quedou interrompida e inconclusa pola súa morte  e así quedou moitos anos. Na actualidade é propiedade dunha adega valdeorresa. 

HISTORIA

O pazo ou castelo de Arnado, no Concello de Vilamartín, comezouse a construír entre finais do século XIX e comezos do XX. Este edificio está nuns terreos que pertenceran ao mosteiro beneditino berciano de San Pedro de Montes. Tal e como relata o historiador, Isidro García Tato, estes terreos foron adxudicados na etapa da desamortización en poxa, o 17 de xaneiro de 1843, a Francisco Álvarez Mendoza y Lorenzana, Marqués de Vilagarcía de Arousa, por 6.000 reais, incluíndo: «la casa del priorato de Arnado con bodega, lagar y viña» (Arquivo Histórico Nacional, legado 2325/1). Ao falecemento del a finca quedou en mans da súa viúva e da súa herdeira, María de la Concepción Castro de Mendoza e Carmen Mendoza y Sotomayor. Elas venderon a finca en 1853 a Pedro Sanjurjo Pérez, IX conde consorte de Torre Penela, casado con Clotilde Flórez de Losada y Quiroga, da casa dos Flórez da vila do Castro.

O fillo deste matrimonio, Pedro Sanjurjo Flórez, mandou construír un pazo nesta finca que herdou en Arnado. Foi unha proba de amor a súa muller Pilar Argudín Bolívar. Pero el faleceu sen poder acabalo en 1920 e as obras nunca se remataron.  Máis tarde a finca e o pazo foron adquiridos pola familia Iglesias Narla coa condición de non poder desfrutala ata que a esposa de Pedro Sanjurgo falecera, cousa que non sucedeu ata 1952.

O  pazo, a pesar de estar sen rematar, está baixo protección da declaración xenérica do Decreto de 22 de abril de 1949 e a lei 16/1985 sobre Patrimonio Histórico de España.

No ano 2020 unha adega comprou a finca e está plantando viña ao seu redor e vai recuperar o edificio e construcións anexas. 

O edificio é facilmente visible xa que a estrada de acceso ao pobo de Arnado pasa xusto por debaixo dunha das torres. O resto está pechado ao público.

SABER MÁIS

GALERÍA

¿Qué estás buscando?

CONTACTO