As covas en Vilamartín: unha historia do viño baixo terra que se vive unha vez ao ano

Solfiro respiradeiro de cova en Arcos

O mundo do viño en Valdeorras conta cun elemento etnográfico único en Galicia que son as covas: adegas soterradas. Estas forman parte da historia do viño na comarca e na actualidade son tamén símbolo de festa. En Vilamartín concéntranse varios centos destas adegas baixo terra e a hai dúas zonas nas que unha vez ao ano reúnese a veciñanza e os visitantes para visitalas e gozar de festa. A que leva máis anos é a Ruta das Covas de Vilamartín no casco urbano desta localidade. A outra é a Festa das Covas de Arcos co seu San Godellín como protector. As dúas festas fanse no verán entre xullo e agosto.

HISTORIA

En Valdeorras ter unha cova é ter un tesouro. Estes lugares baixo terra onde no pasado, e algunhas aínda no presente, se gardaba o viño das altas temperaturas do verán, son na actualidade tamén símbolo de festa tradicional. As covas están normalmente en zonas apartadas das casas e diferéncianse na paisaxe polos respiradeiros ou refolgadeiros, unhas chemineas que saen da terra e son o seu método de refrixeración. As covas, ao estar escavadas baixo terra, manteñen a temperatura estable todo ano entre 10 a 12 grados, deste xeito o viño mantense en condicións óptimas. O xeito de manter a temperatura é cos respiradeiros que se ven saíndo da terra en forma de chemineas. 

No concello de Vilamartín hai varios centos delas repartidas pola zona do casco urbano e tamén en parroquias como as de Arcos, Córgomo ou Valencia do Sil. Algunhas delas a través de asociacións de veciños ábrense unha vez ano para poder visitalas e vivir a festa tradicional que se monta nelas. En Vilamartín hai dúas festas deste tipo con gran tradición: a da zona do casco urbano e a de Arcos.

A Ruta de Covas en Vilamartín: primeiro sábado de agosto

Dende hai máis de 20 anos empezou unha asociación veciñal a facer unha festa na que unha vez ao ano abríanse varias covas dos asociados, neste caso no casco urbano, zona das covas de Vilamartín. O que empezou como unha idea para que se vira o patrimonio etnográfico da vila hoxe reúne a preto de 5000 persoas e xa forma parte do calendario de festas a non perder para moitos visitantes. 

 O método de participación é sinxelo. O visitante compra unha entrada, nos últimos anos xa é online, aínda que algunhas se poden comprar in situ, si quedan dispoñibles. Entréganlle un pano e unha cunca de barro e empeza a facer o recorrido entrando en varias covas que abren o primeiro sábado de agosto.  En cada unha delas vai probando o viño e petiscos variados e a música de charangas e cantos de taberna vai acompañando os diferentes puntos da ruta. Abren máis de 40 covas nese día, ofrecendo aos visitantes unha experiencia única arredor do viño e da tradición local. O fin de festa é a medianoite cando se pechan as covas e a festa segue coa música dunha orquestra nalgún punto da vila.

 A Festa das Covas en Arcos: segundo sábado de xullo

As covas de Arcos están todas na saída desta localidade en dirección a Córgomo. Hai máis de 30 e casi todas abren nesta festa que se organiza o segundo sábado do mes de xullo. A dinámica de participación é similar as de Vilamartín pero con algunha diferencia. Nesta celebración sae en procesión o San Godellín. Un santo moi particular que está exposto nunha pedestal, na rúa principal da zona das covas, e que nun momento da festa sae de procesión acompañado por gran parte dos participantes na festa e fanlle os seus cánticos.

 

SABER MÁIS

GALERÍA

VISTA EN 360º

¿Qué estás buscando?

CONTACTO