O Castrillón: Un castro ibérico dos máis monumentais 

Solfiro Castrillón de Larouco - solfiro

O Castrillón é un poboado fortificado de máis de 2000 anos de historia,  da Idade de Ferro, e que conta cun gran sistema defensivo. Este lugar, no que se descubriu un posible sistema de enterramento infantil, está considerado polos expertos como un dos máis monumentais da península ibérica. Conta con paisaxe típica mediterránea con aciñeiras, xara, matogueiras de carpazas e ata unha araña doutras latitudes. 

O lugar, dunha gran beleza, está sinalizado e conta cunha área recreativa con bancos e mesas xusto na entrada.

HISTORIA

O Castrillón está situado nun balcón natural inexpugnable entre os ríos Xares e Bibei (afluentes do Sil). A única “porta” de entrada é a través dunha zona amurallada con varios niveis. Dentro do seu sistema defensivo con foxos picados na pedra e profundos desniveis tamén hai louxas colocadas a xeito de cuña para que os atacantes se “cravasen” nelas e fixera máis inaccesible o lugar.  A primeira interpretación tipolóxica deste lugar fíxoa no 1989 un estudoso local, José Fernández Pérez (máis coñecido como Pepe das Pedras) e xa daquela publicou un estudo del.

 Nos últimos traballos de escavación arqueolóxica no ano 2021, levados a cabo polo grupo Xeitura S. Coop. Gal. en colaboración co Instituto de Medicina Legal de Galicia e a Universidade de Exeter, fixeron grandes descubrimentos. Recuperaron 3 unidades de habitación e nunha delas descubriuse un depósito moi particular, unha peza de cerámica con restos dentro. No exame científico apareceron restos óseos humanos, o  que leva a pensar aos expertos en prácticas funerarias, como un posible enterramento infantil. De feito din que este xacemento é un dos poucos do noroeste peninsular, onde puideron terse realizado prácticas relacionadas coa xestión da morte nun contexto claro da Idade de Ferro. Todas as hipóteses continúan en estudo.

O espazo conta con varias categorías de protección entre as que están figurar no Catálogo do Patrimonio Natural de Galicia e formar parte da Rede Natura 2000 como Zona de Especial Protección de Valores Naturais (ZEPVN). A súa paisaxe está conformada por flora de corte mediterráneo como son as aciñeiras, xara, matogueiras de carpazas e ata unha araña doutras latitudes: Macrothele Calpeiana (araña touro ou araña negra das sobreiras da zona sur España).

O Concello de Larouco, co respaldo de Patrimonio da Xunta de Galicia ten promovido diferentes actuacións de posta en valor deste espazo monumental. Lévanse feito escavacións arqueolóxicas  e de musealización. Así como a colocación de paneis interpretativos e a sinalización dunha ruta de visita. Antes de entrar na zona do castro fíxose un área recreativa con bancos e mesas que permiten o descanso e admirar a paisaxe de montaña. O espazo que ocupa o castro débese visitar con precaución, polo escarpado do lugar, e tamén para evitar a súa destrución. 

SABER MÁIS

MAIS INFORMACIÓN

GALERÍA

VISTA EN 360 º

Reproducir vídeo

¿Qué estás buscando?

CONTACTO