Esta localidade de Seadur celebra cada Sábado Santo a súa tradicional festa na que se visitan as adegas soterradas. Un percorrido que sorprende e permite descubrir este elemento etnográfico valdeorrés único en Galicia. Chama a atención ao visitante que as máis de 20 covas están nunha soa rúa, a saída do pobo, en dirección á montaña.
HISTORIA
As orixes de Seadur remóntanse á época prerromana e mostra delo é a existencia dun castro, o de Cabanelas. Xa no século XVIII tivo unha abadía que lles deu independencia da de Larouco aínda que continuaron sendo unha parroquia dentro deste concello. Un dos seus fitos máis relevantes na historia foi a loita que mantiveron contra tropas napoleónicas na Guerra da Independencia cando pasaron por esta poboación. Naquela contenda faleceron seis dos seus habitantes.
A data inesquecible cada ano neste pobo é a da Festa das Covas. Faise o Sábado Santo, e reúne a centos de visitantes. Na ruta recórrense máis de 20 covas tradicionais existentes nun camiño á saída do pobo. Nas covas, escavadas na roca e na terra, degústanse viños da vila e petiscos preparados para a ocasión. É a actividade máis importante do ano nesta localidade no referente ao desfrute dun elemento etnográfico e un produto da terra como é o viño.
Dende hai uns anos esta localidade empezou a explotar este elemento e a convertelo en oferta hostaleira. De momento xa hai unha desas covas na que se pode comer todo o ano, e ata hai días con lista de espera. Ademais unha das casas do pobo, unha antiga rectoral, está recen aberta para aloxarse. No entorno desta localidade as plantacións de viñas tradicionais estanse ampliando e están instaladas adegas de renome.