O inconfundible perfil desta igrexa e das súas torres de estilo neogótico lémbranos ao modernismo de Gaudí, arquitecto que, polas datas de construción, pasou tempadas de descanso na Casa Grande de Fontei. Crese que el estivo detrás do proxecto.
HISTORIA
O barrio de Fontei dispoñía no século XIX dunha capela dedicada á Virxe da Expectación e co tempo foi insuficiente. A construción do novo edificio responde ás necesidades de espazo dunha poboación crecente e ergueuse en terras doadas polo bispado. Naquela altura pasaba tempadas de descanso na Casa Grande de Fontei, Antonio Gaudí, invitado por dona Ramona Ojea Somoza e don Leopoldo Casanova; cando o arquitecto catalán estaba ocupándose das obras do palacio episcopal de Astorga.
As testemuñas orais daquel tempo porfían en que Gaudí participou no deseño da nova igrexa e, aínda que non existen documentos que o certifiquen, as proporcións do templo e o deseño apuntan á súa inspiración. Dise que el mesmo entregou esbozos e planos a un mestre de obras coñecido coma Juanón, segundo os datos aportados polo investigador local, Enrique Rodríguez Sotelo. O templo consagrouse en 1903 baixo o patrocinio de San Andrés apóstolo. Os principais retablos foron encargados ao obradoiro da Sagrada Familia de don Eliseo Garrido de Parderrubias (A Merca).
Das imaxes da vella capela só queda unha talla do século XVIII da Nosa Señora da O ou virxe da Expectación, a «Santiña». A imaxe da virxe de Fátima é de mediados do século XX, traída con gran boato por iniciativa de dona Enriqueta Casanova Ojea.
A igrexa presenta unha fachada principal flanqueada por dúas torres, cuxo remate piramidal en lousa colocóuselle recentemente. A igrexa de Fontei, como a de Petín e outras, non segue a orientación tradicional do templo medieval; as súas fachadas principais non están orientadas ao Oeste, como indica o canon clásico para esta tipoloxía de edificios, senón ao Leste.