As pinguelas na zona da Rúa Vella é unha desas paraxes pouco coñecidas pero de gran beleza onde se unen paisaxe e tradición etnográfica coas covas. O regato da Rúa descende por esta zona dende as montañas en San Xulián e na súa beira construíronse hai moitos anos, mesmo centos, toda unha serie de covas destinadas a gardar o viño nun lugar fresco coma este. Xa o nome de “pinguela” fai referencia a esa auga que configura a paisaxe central.
HISTORIA
O lugar das Pinguelas na Rúa Vella forma parte dunha paraxe de gran valor paisaxístico e etnográfico, polas súas covas para gardar o viño, e ao mesmo tempo pouco coñecido. Atópase o inicio deste espazo no cruce entre a rúas das Guindeiras, o Souto e a da Coroa, por onde pasa o Regueiro da Rúa. Non está sinalizado pero buscar este lugar merece a pena. Para orientarse, mellor partir camiñando dende a Igrexa de San Estevo e a Praza César Conti, no casco urbano da Rúa Vella, para continuar pola rúa Cantalarrana e cruzar o regueiro da Rúa por unha pequena ponte, seguindo por esa mesma rúa para desviarse á esquerda, despois dun pequeno parque, e continuar pola do Souto, á que se accede pasando por debaixo da N-120, sempre en dirección a Somoza. Ao final da rúa do Souto hai unha nova ponte á esquerda e dende alí xa se divisa un camiño de terra que vai á beira do regato en sentido ascendente. A primeira parte da senda é para admirar o regato e as arbores de ribeira pero axiña se empezan a divisar as construcións das covas todas na beira esquerda do regato. Son as covas das Pinguelas nas que adegas destacadas desta vila ruesa, como Joaquín Rebolledo ou Alán de Val, aínda gardan algún dos seus viños e abren as súas covas aos visitantes baixo reserva. As covas teñen unha parte de entrada fora da terra e con tellado visible, a coñecida como antecova, e despois a propia cova baixo terra. Tamén é visible o refolgadeiro, a cheminea de respiración destas construcións baixo terra típicas e únicas en Valdeorras. Así manteñen a súa temperatura estable, ao redor dos 10 grados, todo o ano. Un lugar ideal para manter o viño en condicións óptimas. Esta paraxe das Pinguelas ofrece ao visitante un lugar de paisaxe e historia do viño. Noutras localidades como Vilamartín, Larouco (Seadur) ou o Barco hai asociacións veciñais que abren unha vez ao ano zonas de covas, similares a estas, para poder visitalas e desfrutar dunha festa tradicional. As covas son un elemento etnográfico típico en Valdeorras e único en Galicia.