Paraxe situada a 1850 metros de altura na linde entre Galicia e Castela e León. Este é o lugar axeitado para ver os cumios do macizo de Trevinca, o punto máis alto de Galicia. Dende esta zona empezan rutas de alta montaña e tamén para chegar ata o bosque de teixos, Teixadal. No inverno é un dos lugares aos que os valdeorreses e os visitantes acceden por estrada, OU-122, para ver paisaxe de alta montaña nevado. Neste porto, do lado galego, hai un conxunto de edificios de propiedade municipal, no que funciona un restaurante e aloxamento.
HISTORIA
O alto de Fonte da Cova sitúase a 1850 metros de altura e accedese a través da estrada OU-122 que conecta a localidade de Sobradelo en Valdeorras coa localidade leonesa da Baña. Lugar de paso habitual polos traballadores das canteiras de extracción de lousa que hai na zona tanto galega como leonesa. Dende este porto de montaña vense nos días despexados o cumio máis alto de Galicia no macizo de Trevinca, o pico de Trevinca (2127 metros) seguido despois en altura polos picos: Pena Negra (2121 m.), Pena Surbia (2116m.) e pico Maluro (1931 m.). Esta é unha zona de inicio de varias rutas de alta montaña, de feito o Club de Montaña Peña Trevinca, fundado en 1944, ten o seu refuxio neste punto dende os seus comezos. Tamén hai unha ruta que parte dende Fonte da Cova para ir visitar o bosque de teixos, Teixadal.
Hai anos houbo un proxecto de facer unha estación de esquí, de feito aínda están os restos dun pequeno remonte, pero non seguiu adiante. Como parte da idea construíuse un conxunto de edificios, hoxe propiedade do Concello de Carballeda, no que funciona un restaurante e aloxamento.
O porto de Fonte da Cova convertese nun dos puntos de referencia na comarca para ver paisaxe de alta montaña, e no inverno, é o lugar de fácil acceso por estrada para ver a neve por parte dos veciños e os visitantes de Valdeorras. No caso dos meses de inverno cando neva é preciso levar cadeas para acceder a este porto. Hai carteis informativos indicando si está aberto ou non. O tempo é moi cambiante nesta zona tan alta e sempre hai que ir ben provistos de roupa de abrigo aínda que sexa para unha visita en coche.