A Via Nova ou Via XVIII, que comunicaba Astorga con Braga, contaba no seu trazado en pleno territorio gigurro coa ponte da Cigarrosa. Esta é unha das pontes con base romana da comarca pero a súa fábrica actual xa é medieval, con reformas posteriores. A ponte une dous concellos: A Rúa e Petín. Na beira de Petín foi recentemente colocado un importante miliario, do reinado de Nerva, que achega información do trazado da Via Nova por estas terras.
HISTORIA
Por Valdeorras pasa a Via Nova -ou Via XVIII no Itinerario de Antonino- que cruza toda a comarca, comunicando Asturica Augusta (Astorga) con Bracara Augusta (Braga). Inaugurase no ano 79 d.C e atravesa 215 millas (325 km) con varios fitos que marcan as distancias, coñecidos como miliarios. Para salvar os ríos, érguense pontes das que aínda temos restos, como a da Cigarrosa.
A construción da calzada foi ordenada durante o goberno de Vespasiano (69-79 d.C.) coa intención de reducir o traxecto entre esas dúas cidades galaicas que, ata eses intres, facíase pola Vía XVII ou Via Vetera. Contaba con varias mansio (paradas de postas) que co tempo transformaríanse en localidades. Unha delas era o Forum Gigurrorum, que se cría situada na contorna da ponte; é por iso que o Concello da Rúa inclúe ese topónimo latino no seu escudo oficial. Porén, o miliario de Nerva, atopado recentemente nun terreo próximo, parece localizala noutro concello da comarca.
A ponte actual pertence a reconstrucións feitas no tránsito entre a Idade Media e a Moderna, e ergueuse sobre os restos da romana que hoxe están baixo as augas do encoro de San Martiño. Probablemente a ponte romana era unha construción con tres arcos de medio punto, de similar tamaño, mentres que na época gótica refíxose con arcos apuntados, conservando un arco central de medio punto máis grande.