Situada nun Outeiro a igrexa de Santa María da localidade de Mones garda debaixo dela parte da historia dos antigos poboadores, os gigurros. Este igrexa con fachada barroca é visible dende o val. E unha vez que se accede a ela, convertese nun espazo privilexiado para admirar todo o val e a cola do encoro de San Martiño que separa as localidades de Petín e A Rúa. Ademais nunha das súas paredes hai unha proba máis do pasado romano, un xogo de posible orixe romana, o alquerque, unha mestura do tres en raia co xogo de damas.
HISTORIA
Santa María de Mones ten unhas vistas espléndidas do val e oculta un gran castro que podería ser a Calubriga dos gigurros. Esta sería unha das vinte e dúas tribos que os romanos agruparon coma astures. Ocuparían a actual comarca e están mencionados en varias fontes documentais. O castro está situado baixo a actual igrexa a uns 414 metros de altura, sen grandes obras de defensa, e cun recinto circular superior rodeado de terrazas moi modificadas polos traballos agrícolas e un foxo ocupado pola estrada de acceso. Nas viñas desta zona levan atopado moitos fragmentos de tégulas e cerámicas romanas tardoimperiais. A teoría dos expertos fala de que o castro iría perdendo poboación en favor da localidade ribeirá de Foro Gigurrorum ao redor da Vía Nova e a Ponte da Cigarrosa. Aínda que cos últimos descubrimentos, como o miliario de Nerva de Petín, a localización desta mansio preto da ponte xa non é segura.
Falando da igrexa de Santa María, que é o que hoxe se ve sobre o outeiro, é un templo de posible orixe románica aínda que moi modificado posteriormente. Hoxe a súa fachada e torre do campanario é claramente barroca, dos séculos XVII ou XVIII. A igrexa componse de tres corpos: a nave principal con dous accesos, unha galería porticada ao sur e un anexo ao norte. O edificio na súa parede sur, ten nun perpiaño granítico onde se localizan uns gravados, que son identificados como pertencentes a un xogo tipo alquerque, un xogo de posible orixe romana no que se combinarían os actuais tres en raia e o xogo das damas. A existencia deste gravado fai pensar que esta pedra foi reempregada dende a súa posición orixinal até a actual.
Ademais o equipo de arqueólogos de Sputnik Labrego, nunha visita exploratoria a esta igrexa, destacaron tamén a presenza no edificio dun fragmento de cancel de mármore de posible orixe visigoda na parede sur da igrexa. Tamén localizaron unha pilastra con decoración «visigótica» reempregada nunha porta de entrada a unha adega de Petín. Todos estes elementos leváronlle a falar da posible presenza dun edificio de culto de época sueva ou visigótica nas proximidades do castro de Santa María, aínda que non necesariamente na croa deste lugar.