O Miliario de Nerva en Petín.  Aportando novos datos á historia valdeorresa

Miliario de Nerva 1

Este miliario está colocado na entrada á ponte da Cigarrosa do lado de Petín. Este rodo de pedra con inscricións en latín, dos tempos do emperador Nerva ,está espertando moita expectación. Xa que abre dúbidas sobre onde estaba en realidade a localidade de Forum Gigurrorum.

A poboación máis destacada dos gigurros na época romana. Xa que cos datos que aporta de distancias, esa poboación non estaría ao carón da ponte da Cigarrosa, como se leva crido ata o de agora, senón que estaría noutro lugar máis apartado. O miliario pode visitarse na ponte e lerse a súa inscrición. 

HISTORIA

O miliario que hoxe pode visitarse na ponte Cigarrosa foi descuberto nas obras dunha casa, preto desta ponte, durante a pandemia da Covid-19. A súa aparición nesta zona e o que pon na súa inscrición leva a repensar algúns datos da historia do pasado romano e gigurro en Valdeorras. No referente a onde se atopa a poboación de Forum Gigurrorum: unha das mansio da Via Nova e principal lugar da tribo astur dos gigurros que habitaban estas terras.

A construción da Via Nova entre Astorga e Braga fixo que en determinados puntos, normalmente cruces de vías ou preto de civitas (poboacións),  xurdiran as mansio. Lugares con edificios para descansar tanto o viaxeiro como os seus animais, e que co tempo tamén foron dotados de edificios administrativos. Na comarca de Valdeorras hai localizados no Itinerario Antonino dúas mansio deste tipo: Foro Gigurrorum coa polis (centro urbano) máis importante da etnia dos gigurros e a Gemestario na zona dos picos de Oulego. Nese itinerario di que a mansio do Forum Guigurrorum está na milla 81 e este miliario estaba colocado na 85. Polo tanto ao aparecer moi preto da Ponte da Cigarrosa, ese Foro non podía estar preto da mesma, xa que hai 4 millas de diferencia.

O arqueólogo, Santiago Ferrer, explica que a milla 85 que aparece especificada neste miliario fai barallar que o lugar desa mansio poida estar ata en 3 sitios: A Rúa Vella,  Vilamartín e A Proba (O Barco). Aínda que as medicións non dan exactas con estes lugares propostos e hai que ter en conta que o escritor latino Ptolomeo no século II fala do Forum Gigurrorum como unha polis importante non un lugar pequeno. Así que a incógnita está aberta e poden os visitantes buscar e aportar as súas visións e coñecementos.

Santiago Ferrer explica que as millas romanas teñen varios tipos de medidas e nas vías romanas aplicábanse diferentes. Di que «Hai rexistradas tres: a clásica, de 1481 metros; a milla de 9 estadios, de 1670 metros e a de 10 estadios, de 1800 metros. Estamos aplicando todas elas para coñecer máis sobre onde estaba o Forum Guigurrorum».

SABER MÁIS

GALERÍA

VISTA EN 360 º

Reproducir vídeo

¿Qué estás buscando?

CONTACTO