A vila petinesa ten o seu casco urbano á beira do encoro de San Martiño e o paseo do Malecón e o lugar perfecto para desfrutar da paisaxe. Neste lugar reúnense os paseantes, os observadores da fauna e flora das augas do río Sil e tamén é un dos puntos preferidos polos pescadores.
HISTORIA
As casas máis antigas do casco urbano de Petín están a poucos metros do encoro de San Martiño e algunhas rúas van dar ao paseo do Malecón. Recentemente esta zona, lindeira coas augas do Sil embalsadas nos anos 50 do século pasado, ampliou o seu trazado e chega ata a Ponte da Cigarrosa, bordeando deste xeito todo o casco urbano. Empatando así co camiño á beira do encoro da vila ruesa e podendo camiñar ata chegar ao paseo do Aguillón. Un xeito de ter toda unha visión dende diferentes lugares bordeando esta masa de auga. Este é un lugar moi prezado tanto polos paseantes como polos pescadores.
No casco urbano de Petín todo está moi preto e así, nuns poucos centos de metros, pode pasarse do paseo do Malecón á Praza Maior. Este é o punto de encontro dos veciños e visitantes cos bares ao seu redor e ademais é o lugar de celebración das festas, como as patronais de Santiago, o 25 de xullo, e tamén da Feira Tradicional de 1812 entre outras. Destaca nesta praza a casa da familia Quiroga, nela viviu e pasou consulta o médico D. Xosé Quiroga, moi recoñecido e querido polos seus veciños. O seu fillo, Xosé Quiroga Suárez, foi tamén médico e ademais o primeiro presidente da Preautonomía de Galicia. A súa vida profesional e política tamén o levou a ser nomeado fillo predilecto de Petín.