A rede etnográfica da Veiga permite coñecer os oficios do rural que se foron perdendo ao longo do tempo. O concello recuperou algunhas das edificacións senlleiras que hoxe serven para coñecer como se moía o millo e o trigo, como se facían as telas ou de que maneira o pan se facía en conxunto para todo o pobo.
Un exemplo destacado desta rede etnográfica é o Museo do Liño de Requeixo. Os muíños, fornos, teares e palleiras están en diferentes pobos deste concello.
HISTORIA
A Veiga puxo en marcha hai uns anos un programa de recuperación e conservación de todas as edificacións relacionadas con oficios tradicionais deste municipio. Nel entraron muíños, teares, fornos comunais, palleiras e ata unha forxa. Elementos da vida rural que hoxe serven para dar fe dos oficios que se foron perdendo e permiten ter unha lembranza deles. Todos estes elementos poden visitarse en diferentes localidades do concello.
En Vilaboa está o Tear da Ermida, en Corzos o Muíño dos Carballos e a forxa comunal, atoparemos o Tear de Camila en Meixide e o Muíño e Ponte das Lastras en Edreira. Entre Xares e Ponte está o Muíño de Manuel de Benigno e en Requeixo pode verse o museo do liño.
MUSEO LIÑO REQUEIXO
Un particular cedeu en Requeixo a que se coñece como Palleira do Xardín para instalar nela todo o proceso de elaboración do liño. Entre todos os elementos presentes hai un tear que ten máis de 200 anos segundo contan os veciños. No museo pode verse como se facía todo o proceso de ripar, desbordar, asedar, urdir, fiar e tecer.