A ponte de Portomourisco está construída sobre o río Xares dende o século XVIII. A súa historia está ligada á influencia do Santuario das Ermidas (O Bolo) en toda a comarca de Valdeorras e arredores nesa época. Os peregrinos e devotos que veneraban á virxe das Ermidas necesitaban un lugar por onde pasar para poder chegar ata o santuario. De feito nunha das marxes desta ponte hai unha capela onde se garda unha réplica da santa das Ermidas. A paraxe na que se atopa a ponte é digna de visitar e gozar do río e da contorna natural.
HISTORIA
Os veciños concellos de Petín e O Bolo comparten unha historia coa ponte de Portomourisco e o Santuario das Ermidas. Este lugar de peregrinación comezou a construírse no 1624 e foi tal a súa repercusión que houbo de dotar de infraestruturas que facilitasen aos peregrinos e devotos como chegar ao santuario dende Valdeorras e arredores. Unha das barreiras era o río Xares na localidade de Portomourisco. Polo que no ano 1702 empezouse a construción desta ponte de pedra labrada cun solo arco. Os mestres de obra foron Manuel de la Lastra y Alonso Sánchez. As obras remataron un ano despois e tiveron un custe de máis de 29.000 reais de vellón. A ponte ten 37 metros de longo por 5 de ancho e 15 metros de alto no seu punto central. A relación co santuario está máis que probada, non só por escritos, senón tamén pola presenza nunha das entradas a esta ponte dunha capela que garda no seu interior unha réplica da Virxe das Ermidas. De feito, tal e como explica o historiador Isidro García Tato, a ponte mandouna facer estando de bispo en Astorga o dominico Frai Antonio de Sanjurjo. E así consta na inscrición que está na capela: «Este puente y hermita de Nuestra Señora de las Hermitas le mandó hacer el Ilustrísimo Señor Don Fr. Antonio Sanjurjo y Miranda Montenegro, del Consejo de S.M. y obispo de Astorga, único patrono del santuario de Nuestra Señora de las Hermitas, siendo administrador don Domingo González de Quiroga, año 1703»
Os peregrinos e devotos usaban este camiño e aínda hoxe en día se usa con ese cometido. Ademais na contorna hai un pequeno paseo fluvial que permite gozar do río Xares e das frías augas, sobre todo nos días de calor no verán.