Na área recreativa do río Bibei, na aldea das Ermidas, atópanse 3 construcións que chaman a atención, sobre todo as dúas que están á beira do propio curso do río polo tipo de tellado que teñen e que ten unha razón de ser.
Todos eles están restaurados e poden visitarse á través do servizo municipal de guías.
HISTORIA
Estes tres muíños están situados na área recreativa das Ermidas usando as augas do río Bibei. Dous deles están na beira do río e o terceiro atópase na ladeira da montaña cunha canle propia de auga que o fai funcionar. Os muíños foron adquiridos polo concello para manter estas construcións tan senlleiras e foron rehabilitados con fondos municipais, da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense. Os tres son un exemplo das principais producións agrícolas da zona nos séculos pasados e tamén do inicio da produción eléctrica para auto abastecemento do santuario.
Muíño de aceite: construído no século XIX, con maquinaria que data de principios do século XX. No seu interior están restauradas as diferentes partes que compoñen a prensa de aceite. Este é o muíño que está apartado do curso e que conta cunha canle propia para facelo funcionar. As oliveiras forman parte da paisaxe das Ermidas dende hai séculos, de feito unha parte próxima ao santuario chámase “Monte das oliveiras” e del saía o aceite para as velas que alumeaban o interior da construción.
Muíño de fariña: a súa orixe é o século XVII e usaba a forza do caudal do Bibei para transformar o gran en fariña como se facía tradicionalmente. Conta cun desvío propio de auga do río para o seu funcionamento e chama a atención a súa cuberta de pedra que o confunde coas pedras do lugar. A forza do Bibei, antes da construción dos encoros no seu trazado, obrigou a facer desta forma o teito para evitar o seu derrube.
Muíño de produción electricidade con enerxía hidráulica: No seu interior conta cunha nora de madeira para xerar electricidade coa que abastecer a iluminación do propio muíño e en tempos pasados para o santuario. O sistema segue funcionando na actualidade para uso turístico. Esta construción, ao igual que o de fariña, conta tamén cun teito de pedra que buscaba protexer a construción das crecidas do río Bibei antes da existencia dos encoros no seu trazado.