O macizo de Trevinca goza de ceos limpos que son excelentes para a contemplación das estrelas por estar afastado dos grandes núcleos de poboación e pola súa altitude. Dende o ano 2015 forma parte dos Destinos Starlight da península ibérica. Un motivo máis para visitar este concello e descubrir a súa natureza e poder explorar máis alá do globo terráqueo.
HISTORIA
O Concello da Veiga recibiu no ano 2015 a certificación por parte da Fundación Starlight coa cualificación de Trevinca como Destino Turístico Starlight. Un espazo limitado polos vértices das Tablillas das lagoas, Pico Maluro e O Rañadoiro, dentro do Espazo Natural Protexido de Pena Trevinca e colindando co Parque Natural de Sanabria.
Tal e como indican nas características a cumprir para ser destinos turísticos Starlight, non só deben acreditar a calidade dos seus ceos e medios para garantir a súa protección, senón tamén as adecuadas infraestruturas e actividades relacionadas coa oferta turística e a súa integración na natureza nocturna.
A Fundación Starlight creou o Sistema de Certificación Starlight, avalado pola UNESCO, a Unión Astronómica Internacional e a Red de Coñecemento da Organización Mundial do Turismo, para a protección dos ceos nocturnos como parte dos recursos naturais e ademais promover os valores científicos, culturais, naturais e paisaxísticos asociados.
Os destinos turísticos Starlight son lugares a visitar, que gozan de excelentes características para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para levar a cabo actividades turísticas baseadas neste recurso natural.
Todas estas condicións cómprense no Observatorio astronómico, Astrotevinca, situado en Valdín e que organiza actividades case todo o ano. Na súa web poden reservarse entradas e ver as actividades que se fan en cada data:
Miradoiros de estrelas: O Rañadoiro e As Tablillas
O Concello da Veiga conta ademais con puntos onde tamén se poden ver moi ben os ceos e gozar do espectáculo sen aparellos nas noites despexadas. Trátase da zona do Rañadoiro a uns 2 quilómetros da localidade de Vilanova, pola estrada que une Vilanova e Xares. Dende o aparcadoiro ata o lugar de observación hai uns 100 metros. O lugar ten de fondo os perfís da montaña o que o converten nun lugar con moi boas posibilidades para fotografía nocturna.
O outro espazo é o das Tablillas, na estrada que une o Concello da Veiga coa localidade de Porto de Sanabria a uns 7 quilómetros da poboación de Valdín.