Cántara da Moura: unha ruta con lenda e natureza de ribeira

Solfiro Cantara da Moura (2)

As lendas de Mouras, uns seres da mitoloxía celta, están moi “vivas” nas terras da Veiga e O Bolo. No caso do concello veigués, dálle nome a unha ruta de fácil trazado no río Corzos e que permite ollar fauna e flora de prados e ribeira ,unida co desfrute do son da auga vertendo entre múltiples penedos.

A ruta ten unha primeira parte moi accesible por prados e, xa chegados ao río, hai unha serie de pasarelas con escaleiras para poder ollala dende múltiples lugares e poder subir ata a parte alta dos penedos. Nesta zona hai moitas covas, algunhas delas formaron parte da historia dos fuxidos durante a Guerra Civil Española.

HISTORIA

A ruta da Cántara da Moura é moi accesible e non chega ao quilómetro de percorrido en liña recta. O obxectivo do paseo é descubrir a flora e a fauna nos prados e ao chegar ao río gozar co son da auga caendo polo medio de penedos e buscando “a moura”. A paisaxe no río Corzos está dominada por grandes bolos graníticos asentados no curso do río. Penedos que tamén están nos prados e lameiros na parroquia de Corzos onde se sitúa esta ruta.

A lenda conta que no interior dunha das covas desta zona habita unha fermosísima moura. Ao romper o día a moura abandona o seu recuncho de pedra para saír a sentarse a beira do río. Alí peitea os seus longos cabelos dourados cun peite de ouro, mentres espera a que as mozas de Corzos que gardan o gando se acheguen. No momento en que pasan o seu carón a moura deixa caer o seu peite. Se a moza se para a recollelo, a moura premia a súa bondade cunhas moedas de ouro. Se a moza segue o seu camiño e non se detén, a moura castiga o desdén da doncela converténdoa nunha pedra máis das moitas que hai no lugar.

A Cántara da Moura está situada nunha zona onde existen moitas covas, sendo a máis famosa a chamada “cova dos escapados”. Nesta cova refuxiáronse durante meses os escapados da Guerra Civil pertencentes ao bando republicano. A esta cova só se podía acceder por  un burato, ao que lle poñían unha escaleira para baixar, que quitaban de seguido unha vez que entraban. Conseguían sobrevivir semanas enteiras sen saír gracias a que nesta cova o río vai soterrado e podían pescar as troitas do río Corzos. Outra cova moi coñecida é a de “o cubo”, igualmente empregada para agocharse os fuxidos. Esta cova ten sete bocas de entrada, o que lles permitía aos escapados burlar doadamente aos seus perseguidores, entrando por unhas e saíndo por outras.

SABER MÁIS

MAIS INFORMACIÓN

GALERÍA

VISTA EN 360 º

Reproducir vídeo

¿Qué estás buscando?

CONTACTO