Nos montes da localidade de Casaio e dentro do macizo de Trevinca atópase este anaco da historia industrial visitable con guías de montaña do lugar. Este foi un relevante complexo industrial con mina de extracción do mineral Wolframio dende comezos do século XX ata os anos 50.
Coñecida na zona como a Mina dos Alemáns foi ademais centro de retención para presos na etapa do franquismo e lugar de traballo para a obtención deste mineral tan importante para a fabricación de armas en tempos da Segunda Guerra Mundial.
HISTORIA
Este complexo industrial hoxe en ruínas pero con moita historia detrás e que se pode visitar con guías de montaña. Estaba formado por 9 barracóns de diferentes tamaños, edificios anexos de administración e de vixianza, xa que tamén foi prisión en tempos do franquismo. Contaba ademais con cantina e nave para lavar o mineral. Era un mini pobo industrial escondido nas ladeiras do macizo de Trevinca.
O lugar está moi deteriorado polo paso do tempo e a pillaxe pero aínda así ten un encanto especial e sobre todo coñecer in situ a súa historia sobrecolle. Dende hai uns anos un equipo de arqueólogos, Sputnik Labrego, está investigando os restos que alí se atopan. Historiadores da comarca, como Isidro García Tato, teñen libros detallados da súa historia. As historias do estraperlo (roubo e venta ilegal) deste mineral por veciños da zona forma parte tamén da historia da comarca en tempos da posguerra española.
Os arqueólogos de Sputnik Labrego describen o lugar como un caso importante para analizar as diferentes modalidades de vivendas industriais do anos 40 e 50, así como a mestura de diferentes tradicións construtivas da zona. Unha parte dos traballadores dos anos 30 e 40 viviron en barracóns feitos con alicerces de pedra e levantados en madeira, unha tradición traída polos alemán nos anos 30.
Pero a historia deste lugar xa comeza no ano 1913 coa extracción deste material e pasa por 3 épocas ao longo do seu tempo de existencia, tal e como relata o historiador e membro xubilado do CSIC, Isidro García Tato:
-Época belga de 1913 a 1928: Baixo o nome de “Mines de Wolfram de Valborraz” con sede social en Bruxelas.
-Época hispano-alemá entre 1931 a 1945: empresa “Montes de Galicia” integrante do consorcio, SOFINDUS. Dirixía a explotación o enxeñeiro alemán, Dr. George Bürg, un dos mellores expertos de minas da Alemaña da época. Foi nesta época entre 1942 a 1944 cando albergou o “Destacamento de redención de penas polo traballo” polo que durante os 19 meses que durou pasaron 463 penados do exército republicano. Cando máis presos houbo foi no 1943 que se contabilizaron 317.
-Fase final hispana de 1951 a 1963: empresa “Minas Mendizulo”, activada pola guerra de Corea.