As piscinas naturais de Sobradelo, no corazón da comarca de Valdeorras, son un deses lugares que sorprenden desde o primeiro momento. Integradas de forma na paisaxe do río Sil, convértense cada verán nun refuxio perfecto para quen busca natureza, tranquilidade e un baño refrescante nun espazo único.
HISTORIA
A súa particularidade é que non son unhas piscinas convencionais: están concibidas para convivir co curso do río e coas súas enchentes, que durante anos arrasaron as antigas instalacións. A reforma integral transformou o lugar nun complexo moderno, sostible e completamente adaptado ao entorno natural.
O resultado é unha combinación perfecta entre comodidade e natureza salvaxe: augas limpas, zonas de descanso con area fina, e unhas vistas privilexiadas ao Sil mentres discorre paralelo ás piscinas.
O complexo distribúese en dous niveis: unha zona superior con cafetería con terraza, duchas e vestiarios, piscina infantil, piscina de auga salgada e jacuzzi, e unha zona inferior, unha gran piscina fluvial, alimentada directamente polo Sil, tumbonas e área fina.
As piscinas de Sobradelo son unha excelente opción para quen viaxe con nenos, xa que contan con espazos pensados para eles e amplas zonas para xogar coa area. Tamén é un lugar perfecto para desconectar, tomar o sol, coller sombras naturais ou simplemente deixar pasar o tempo observando as montañas e o río.
O acceso é cómodo e conta con dous aparcadoiros moi próximos ás piscinas: un ao cruzar a Ponte Nova e outro máis adiante, xusto ao lado das instalacións. Ambos gratuítos e situados a poucos metros do río.